isca! » 2006 » xullo

Día da Patria de 2006 - Conquistando liberdade desde a base

24 07 2006

Neste Día da Patria de 2006, isca! sae á rúa, participando na comitiva de Galiza Nova que asistirá á manifestación nacional convocada polo BNG baixo o lema Somos unha Nación. Como presentación, temos preparado un panfleto no que resumamos os nosos posicionamentos ao redor da realidade do país, do que a seguir enumeramos os pontos principais, e que podes consultar completo premendo aquí (maquetado en .pdf) ou aquí (se tiveres problemas para abrir o arquivo).

__________

Isca! nace co obxectivo de aglutinar mocidade no seo da Organización Xuvenil do BNG, Galiza Nova, en torno aos principios da esquerda anticapitalista.

—–

O neoliberalismo imponnos unhas condicións laborais de extrema precariedade: Como cidadáns dunha nación dependente, a mocidade somos unha das partes mais vulnerabeis do proceso de cambio social que, após destruir os sectores produtivos básicos, transformou a nosa realidade económica nunha economía de servizos.

Negámonos a unha visión da Galiza interclasista que negue a realidade da loita de clases no noso país

A política debe ser algo mais que ir votar cada catro anos. Non debe existir separación entre o político e o social

A democracia participativa debe ser un principio rector do nacionalismo

Estamos fart@s dunha visión pesimista da nosa sociedade que oculta as potencialidades que o pobo galego ten

A transformación da nosa sociedade non é un horizonte máximo. Para nós a transformación comeza no dia a dia

Defensa da nosa língua

A autodeterminación é un direito irrenunciábel do povo galego



Asemblea Nacional Constituínte de isca! (nota de imprensa)

20 07 2006

Os pasados días 15 e 16 de Xullo celebrouse en Compostela a Asemblea Nacional Constituinte da Organización Xuvenil “Isca” 
 
Baixo este nome, que fai referencia a unha materia facilmente inflamábel, agruparanse diversos mozos e mozas militantes de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) coprometidos cos valores do nacionalismo desde unha óptica de esquerda anticapitalista.

O propósito desta nova organización xuvenil é o de aglutinar a aqueles sectores da mocidade especialamente críticos coa deriva actual da política institucional en Galiza. Neste sentido os mozos e mozas de Isca centrarán especialmente o seu traballo, ademais de en Galiza Nova, en ditintas organizacións sociais que centren o seu traballo na nación galega.

A destrución dos sectores produtivos básicos, asi como a aplicación do proxecto neoliberal fixeron da mocidade un sector especialmente vulnerábel no mundo laboral. Na Asemblea Nacional celebrada en Compostela os e as xovens militantes nacionalistas analisaron o distanciamento existente entre a mocidade e as organizacións políticas, e concluiron que unha parte importante da responsabilidade por este feito recae nas propias organizacións. Do mesmo xeito os e as mozas de Isca debateron unha ponencia referida á situación actual do BNG na que salientan a necesidade de rearticular un espazo político claramente de esquerdas que teña como bandeiras a democracia participativa e a defensa irrenunciabel do direito de autodeterminación para Galiza.

Os mozos e mozas de Isca comprometéronse tamén a darlle prioridade á loita pola defensa do idioma galego, a traballar en clave participativa con todos os movimentos sociais xuvenis e a pular por integrar outras loitas ao discurso “oficial” do BNG.