isca! » Sen clasificar

Novo web en obras

2 05 2008

Seguimos na loita en iscagz.org



6-D: Pola Autodeterminación. Non á Constitución Española

3 12 2007

6 de Decembro, manifestación ás 12:30 desde Vía Norte (Vigo)

cartaz6d-agal.jpg

O movemento polos dereitos nacionais galegos precisa rearticular-se e rearmar-se. A chamada “corrección política” ten expulsado o exercicio dos dereitos colectivos fóra do cadro xurídico-político, fóra da actualidade do debate social e fóra dos medios de comunicación masiva.

Os grandes poderes económicos e políticos actuantes na Galiza seguen na posición de sempre: son inimigos da soberanía galega porque a decisión do noso pobo sobre os seus destinos colectivos poderia estragar os seus plans da desfeita: privatización do territorio, turistificación, recurte de dereitos dos traballadores e traballadoras e economía do tixolo. A dia de hoxe a grande prensa empresarial é unha portavocia obediente dos conglomerados industriais, as promotoras e as transnacionais da enerxía.

Todos os partidos institucionais sen excepción, tamén están interesados en marxinalizar a esixencia autodeterminista: viven en exclusiva para xeriren un modelo territorial e sócio-económico que consideran indiscutíbel, expremindo os seus máximos beneficios para manter os profesionais da política. A galeguidade non é para eles a defensa dunha identidade agredida e/ou dun proxecto de poder popular, senón un verniz sentimental para consolidar os seus postos e aderezar os seus negocios. Baixo o goberno destas estruturas incontestadas, oficializa-se o mercadeo e a imaxe, a cousa pública eleva-se a dedicación privada, expande-se o xogo de favores e a xestión da miseria, e a crítica radical risca-se de inoportuna e molesta. Nunca na nosa historia a palabra política estivo tan deslexitimada, e nunca foi tan preciso revitalizar, no traballo e na rua, o sentido emancipador da causa galega. Se non fosse asi, ante un panorama xeralizado de agresión sen resposta, as maiorias sociais instalarán-se de vez na desidia.

O españolismo, a través dos seus dous grandes partidos, non abandoa xamais a sua soberba. Reafirma-se na sua trincheira constitucional e, coa boca grande, di ás nacións non españolas que non cede no seu dereito de conquista: o monarca non se pode cuestionar, a autodeterminación é ilegal e mesmo toda reforma estatutaria pasa finalmente pola peneira de Madrid, os tribunais de excepción manteñen-se activos, e @s independentistas son xulgados pola audiencia nacional, ao ditado do executivo e das suas conveniencias conxunturais. En contraposición, @s autonomistas e nacionalistas mornos falan coa boca pequena, tatexan reivindicacións mínimas, e peden un chisco de tacto na sua procura de cota eleitoral. Mais xa pasou a etapa das concesións aparentes, e a hispanidade “plural” do goberno de hoxe converxe, no fondo, co modelo que a extrema dereita ven promocionando.
Causa Galiza rexeita a constitución española do 78 xurdida da reforma do réxime franquista, que é o cadro xurídico, político e administrativo para a opresión da Galiza, a explotación da clase traballadora, e a que prohibe expresamente o exercicio do dereito de autodeterminación e é garante da “Unidade de España”.

Causa Galiza considera que a reivindicación do dereito de autodeterminación virá da man da loita do pobo traballador dunha óptica de esquerdas, asi pretendemos que a reivindicación autodeterminista atinxa maior profundidade e dimensión: para iso ten que ligar-se con tantos conflictos parciais que se libran no País, e chamamos a participar da manifestación de 6-D ás organizacións sociais, políticas e sindicais que defenden o dereito dun pobo a decidir.

Causa Galiza insiste en pór de novo a rivindicación elemental da soberanía galega, sen ceder nen un milímetro na esixencia de autodeterminación como única garantia democrática fronte á imposición constitucional. Neste dia da constitución española, queremos insistir na vixencia da nosa loita, somando-nos a todos aqueles e aquelas que exercen os seus dereitos dia a dia loitando contra as agresións imperialista, sen renunciar á rua como escenario fundamental de acción social e política.

Esta iniciativa quere contribuir a erguer un espazo polo soberanía plena que dé eco ás loitas que articulan as xentes auto-organizadas en todos os campos da vida.

Na Galiza, 6 de decembro de 2007



Constitúese o Movemento pola Base como organización política

5 11 2007

O pasado domingo, 28 de outubro, ficou definitivamente constituído o Movemento pola Base (MpB).


Nas inmediacións da capital do país deuse cita a militancia do MpB para marcar o colofón do proceso constituínte da organización soberanista. Após pouco máis dun ano da aparición pública do Movemento, o devandito encontro destacou, para alén do número das e dos presentes, polo amplo abano xeracional e de representación multisectorial existente, a ilusión medida a respeito da andaina que ten diante de si a nova organización e polo profundo debate desenvolvido, substentado nas máis de cen emendas que se apresentaron á ponencia oficial.

E é que, recollendo parte do que nos documentos da organización se recolle, “…cremos nun colectivo militante no que non existen debates dados nin ideas preconcebidas, do mesmo xeito que non existen propostas proscritas nen censuras previas sobre nada ou ninguén. Dentro dos parámetros da esquerda revolucionária, anticapitalista e independentista nos que nos situamos, todo é debatíbel tanto a nivel táctico como estratéxico, de xeito leal e construtivo”.

O Movemento, como “…unha organización da Clase Traballadora que asume como principios e obxectivos os intereses estratéxicos da Clase Obreira Galega…”, encádrase na loita pola plena soberanía nacional de Galiza e “… pola superación do capitalismo através da construción do poder popular no camiño da sociedade socialista”; ratificando a firme aposta pola superación das vellas formas de participación política que favorecen a unha auto-intitulada “clase política”, en favor da independencia nacional e a transformación e xustiza social.

O MPB recoñe como movemento nacionalista as organizacións que traballan, desde a autoorganización, pola superación, en chave soberanista, do marco político imposto á Galiza. Neste senso, farase unha aposta firme por ultrapasar o sectarismo actual e recuperarmos o sentido do movemento e familia nacionalista, onde diferentes organizacións traballan por un obxectivo que, con todos os matices que cumpran, é compatíbel nas loitas diarias da etapa actual.

Contodo, o MpB participa do BNG e polo tanto recoñéceo como a única organización política na cal traballar desde unha perspectiva estritamente política, electoral e institucional. Aínda así, somos conscientes dos graves problemas de identidade que está a padecer a dirimencia da organización frontista, polo que o Movemento entende como prioritario no BNG “….rematar coa deriva liquidacionista que a quer homologar a calquer outra forza política do sistema e renunciar aos seus principios transformadores e de superación do actual marco político-xurídico”.

O encontro constituínte rematou coa elección da nova Mesa Nacional, conformada por once persoas ás que se lle sumarán os representantes das diferentes zonas, e o canto da Internacional e o Hino Nacional.



Comunicado de solidariedade co C.S. A Revira

23 08 2007

Isca! quer solidarizarse incondicionalmente cos compañeiros da Asociación Cultural Revira, logo do atentado sofrido recentemente. Queremos tamén amosar a nosa completa e enérxica condena perante uns feitos inxustificábeis , que pretenden anular a liberdade de expresión e mesmo atentar contra a integridade física das persoas simplesmente por motivos ideolóxicos.

Como nacionalistas, e tendo en conta o mes no que estamos, no cal lembramos as víctimas da barbárie fascista como Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal, denunciamos publicamente a pervivencia de certos elementos que seguen a promover a criminalización e estigmatización, cando non a ameaza e agresión física directa. Entendemos que esta acción do fascismo, por outra parte, demostra que A Revira molesta, e moito, aos enemigos do noso país, das liberdades e da autoorganización cidadá.
Porque a Historia ensínanos que nun país, cando se comezan a perseguir as ideas, pronto se comezarán a perseguir as persoas. O acontecido ten unha imensa gravidade que debemos calibrar na súa xusta medida. Por iso a autoría deste atentado ten que ser esclarecida o antes posíbel, superando o silencio mediático e institucional.

Finalmente, queremos facer un chamamento á cidadanía pontevedresa a solidarizarse tamén coa asociación cultural atacada e a reflexionar sobre tan graves acontecimentos. Pola nosa parte, animamos a Revira a seguir a traballar por un país normalizado, libre e soberano nun mundo xusto.

Isca - Asemblea de Zona de Pontevedra/Vigo



Primeiro número do noso voceiro nacional

23 08 2007

capa.pngO pasado 25 de Xullo, Día da Patria Galega, viu a luz o primeiro número do noso voceiro nacional, Combater.

A publicación consta dunha editorial e tres artigos de análise:

En horizontal (sobre a autonomía dos movementos sociais)

Autodeterminación e independencia

Nacionalismo, esquerda e clases sociais

Tamén podes consultalo íntegro aquí.



Isca no 1º de Maio

27 05 2007

No dia do internacionalismo proletario, Isca saiu à rua acompañando as mobilizacións convocadas polo sindicalismo nacionalista cos lemas “Non aos recortes da protección social” e “Autodeterminación”.

Isca, como organización de esquerda anticapitalista que acredita na loita de clases, ve o 1º de maio como unha ocasión na que defender un proxecto de ruptura co sistema, que conceda capacidade de decisión ao noso pobo e xustiza para a maioría social do noso país, isto é, os traballadores e traballadoras. Sair á rúa nesta data é máis necesario ainda nun ano como este, no que vimos de vivir duros conflitos laborais como o do naval em Vigo ou o do sector da construción, que volven demostrar que só en base á organización, á solidariedade e á loita a clase traballadora poderá conseguir os seus obxectivos non só de melloras laborais, senón tamén de transformación social.

A seguir podes ver duas fotos da presenza de Isca nas manifestacións da CIG en Vigo e Ourense:

vigo.jpg ourense.jpg

Tamén podes ler o texto do panfleto de Isca repartido en Vigo:

COA CLASE TRABALLADORA CARA Á SOBERANÍA NACIONAL

Máis un ano saimos á rúa o Primeiro de Maio, non como celebración ritual mais como alavanca para seguir a reivindicar os dereitos da clase traballadora do noso País, para defender o conseguido e para reclamar o que ainda se nos nega, dentro dun movemento que procura a liberación nacional e social do noso pobo.

Na actual fase do neoliberalismo, a mocidade serve de excelente campo de experimentación dos efeitos mais perversos sobre o mercado do traballo: precarización, temporalidade, baixos salarios; fomentando unha “luita interxeracional” que interesa aos sectores hexemónicos para dividir a clase traballadora. Hoxe en día a situación da mocidade traballadora da Galiza caracterízase especialmente por dous factores interrelacionados: a terciarización e a precariedade. Esta terciarización é a expresión concreta, na faixa etaria da mocidade, do fenómeno de asalarización que vén marcando o mundo do trabalho no noso País. Unha asalarización onde o poder adquisitivo do traballado diminue, incrementándose así a taxa de gaño que obtén o empresariado: iso fala ás claras das características precarias que marcan os postos de traballo que obtén a mocidade, nun contexto onde ademais a taxa de desemprego é tres veces superior á media. Así, a taxa de temporalidade na mocidade é de mais dun 50%, e onde os contratos indefinidos asinados pola mocidade non pasan dun ridículo 3%, o que se traduce en baixos salarios. Non podemos esquecer que neste contexto as mozas viven situacións nas que estes índices de precariedade e temporalidade duplican a dos mozos, e cuestións tan básicas como a igual traballo, igual salario están ben lonxe de ser real. Ademais, neste depredador mercado laboral organizarse e rebelarse está penalizado, e en moitos casos para a xente nova a liberdade sindical, poder falar galego no seu traballo ou viver con liberdade a súa orientación sexual pode supor moitos problemas.

Este ano veu marcado ademais pola alta conflitividade laboral no noso País: ademais da folga do metal, exemplo de combatividade; nestes momentos podemos comprobar a existencia de conflitos ao longo da nación: no profesorado do ensino non universitario, nas profisións sanitarias, na minaria auxiliar do carbón, na mina do Serrabal ou no naval en Vigo…

Todo isto contrasta ademais co labor do sindicalismo españolista, que continuou coa súa política de pacto social, tanto a nível estatal como galego, onde asinaron un pacto a tres coa patronal e o goberno galego reducido a meros retoques cosméticos no mercado de traballo. Así mesmo, a mesma Xunta de Galiza actúa cos seus proprios funcionarios ao contrario do que anuncia querer promover na sociedade: así o mostra os conflitos na sanidade, na educación ou a continua externalización de servizos por meio de empresas ou consorcios públicos.

A nível europeu, o proxecto do capital que representa a UE segue a dar mostras de querer rematar coa protección social ou o que fique de servizos públicos. Todo isto conectado tamén coa outra face da moeda, o imperialismo: a UE está negociando acordos rexionais de asociación económica (EPA) con países pobres, concretamente con 77 países que foron enclaves coloniais europeos en Africa, Caribe e Pacífico (ACP); e nas suas propostas de acordos comerciais, exixe os países do Sul que abran os seus mercados a empresas europeas, ameazando así empregos, industrias e servizos públicos.

Neste Dia Internacional da clase traballadora, reafirmamos que Isca! non ten unha visión interclasista da Galiza que negue a realidade da loita de clases no noso país. A nosa precariedade é o resultado da dependencia nacional mais tamén da procura de maior gaño económico por parte da clase empresarial. Por tanto, desde a mocidade organizada en Isca!, animamos a mocidade traballadora galega a a dar pasos adiante contra o capitalismo organizándose socialmente, e reivindicando os seus direitos laborais desde o sindicalismo nacionalista e de clase, na Confederación Intersindical Galega, para continuar avanzando cara a xustiza social e a soberanía nacional de Galiza.

Organízate e loita!



Documentos

14 11 2006

Podes descarregar en pdf (listos para imprimir) dous interesantes documentos que foron debatidos e aprobados pola nosa organización no seu Plenario Nacional do pasado mes de outubro.

Un deles trata a cuestión do frentismo e a presenza pública da nosa organización, o outro é unha análise arredor do proceso de reformas estatutarias e a nosa aportación a respecto da posición que cremos que debera adoptar o nacionalismo organizado: “Autodeterminación e marco político”.

(Ambos artigos respectan a normativa utilizada polo redactor do texto base orixinal.)



Teses da Asemblea Nacional Constituínte

6 11 2006

Podes descarregar aqui en pdf os textos aprobados na nosa Asemblea Nacional Constituinte, celebrada os días 15 e 16 de xullo en Compostela.

As teses conteñen os seguintes documentos:

-Tese política

-Análise da situación do BNG

-Principios ideolóxicos

-Resolucións



Día da Patria de 2006 - Conquistando liberdade desde a base

24 07 2006

Neste Día da Patria de 2006, isca! sae á rúa, participando na comitiva de Galiza Nova que asistirá á manifestación nacional convocada polo BNG baixo o lema Somos unha Nación. Como presentación, temos preparado un panfleto no que resumamos os nosos posicionamentos ao redor da realidade do país, do que a seguir enumeramos os pontos principais, e que podes consultar completo premendo aquí (maquetado en .pdf) ou aquí (se tiveres problemas para abrir o arquivo).

__________

Isca! nace co obxectivo de aglutinar mocidade no seo da Organización Xuvenil do BNG, Galiza Nova, en torno aos principios da esquerda anticapitalista.

—–

O neoliberalismo imponnos unhas condicións laborais de extrema precariedade: Como cidadáns dunha nación dependente, a mocidade somos unha das partes mais vulnerabeis do proceso de cambio social que, após destruir os sectores produtivos básicos, transformou a nosa realidade económica nunha economía de servizos.

Negámonos a unha visión da Galiza interclasista que negue a realidade da loita de clases no noso país

A política debe ser algo mais que ir votar cada catro anos. Non debe existir separación entre o político e o social

A democracia participativa debe ser un principio rector do nacionalismo

Estamos fart@s dunha visión pesimista da nosa sociedade que oculta as potencialidades que o pobo galego ten

A transformación da nosa sociedade non é un horizonte máximo. Para nós a transformación comeza no dia a dia

Defensa da nosa língua

A autodeterminación é un direito irrenunciábel do povo galego



Asemblea Nacional Constituínte de isca! (nota de imprensa)

20 07 2006

Os pasados días 15 e 16 de Xullo celebrouse en Compostela a Asemblea Nacional Constituinte da Organización Xuvenil “Isca” 
 
Baixo este nome, que fai referencia a unha materia facilmente inflamábel, agruparanse diversos mozos e mozas militantes de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) coprometidos cos valores do nacionalismo desde unha óptica de esquerda anticapitalista.

O propósito desta nova organización xuvenil é o de aglutinar a aqueles sectores da mocidade especialamente críticos coa deriva actual da política institucional en Galiza. Neste sentido os mozos e mozas de Isca centrarán especialmente o seu traballo, ademais de en Galiza Nova, en ditintas organizacións sociais que centren o seu traballo na nación galega.

A destrución dos sectores produtivos básicos, asi como a aplicación do proxecto neoliberal fixeron da mocidade un sector especialmente vulnerábel no mundo laboral. Na Asemblea Nacional celebrada en Compostela os e as xovens militantes nacionalistas analisaron o distanciamento existente entre a mocidade e as organizacións políticas, e concluiron que unha parte importante da responsabilidade por este feito recae nas propias organizacións. Do mesmo xeito os e as mozas de Isca debateron unha ponencia referida á situación actual do BNG na que salientan a necesidade de rearticular un espazo político claramente de esquerdas que teña como bandeiras a democracia participativa e a defensa irrenunciabel do direito de autodeterminación para Galiza.

Os mozos e mozas de Isca comprometéronse tamén a darlle prioridade á loita pola defensa do idioma galego, a traballar en clave participativa con todos os movimentos sociais xuvenis e a pular por integrar outras loitas ao discurso “oficial” do BNG.