isca! » Autodeterminación e independencia

Autodeterminación e independencia

Postergar a consecución do obxectivo estratéxico básico de calquer movemento nacionalista – a autodeterminación – para un futuro sen definir, sen ligar de nengunha maneira a práctica política diaria a ese proceso supón, de facto, unha renuncia a acadar ese obxectivo. Entendendo a autodeterminación como un proceso dialéctico que se constrúe todos os días a través da liberación de espazos ocupados polo españolismo e do aumento da consciencia nacional, calquera acción que contribúa a transmitir a idea de que podemos existir como pobo sen exercermos a nosa soberanía non pode ser outra cousa que un paso atrás.
A grande maioría do nacionalismo de esquerdas opúxose, no seu momento, ao actual Estatuto de Autonomía, por entender que esta carta outorgada supuña un disfraz que aprazaba por tempo indefinido o exercicio da nosa soberanía nacional, e xa que logo a resolución dos nosos problemas. Esta posición estratéxica foi o auténtico sinal de identidade básico do nacionalismo ao longo das últimas tres décadas;pois ben, após máis dun cuarto de século de autonomía, cal é o balanzo que dos seus efectos podemos facer?
Se falamos dos nosos sinais de identidade como pobo, no apartado da lingua asistimos á maior perda de galegofalantes da nosa historia, cousa especialmente visíbel no sector social que naceu e creceu baixo o estatuto: a mocidade actual. Vinte e cinco anos após a constitución do primeiro goberno autonómico vén de se aprobar un decreto que dispón que o 50% das materias terán de se impartir en galego. Podemos considerar isto como un avanzo, cando existe unha Lei de Normalización Lingüística (que non se cumpre) desde 1983?, cando existen unha radio e unha televisión públicas de expresión monolingüe desde 1985?, cando xa existía un decreto que obrigaba a impartir en galego determinadas materias (que non se cumpría)?. E alén diso, outro fenómeno que se deu baixo a autonomía foi o da criminalización das variantes dialectais, en clave claramente clasista, cousa que dificilmente pode cambiar un decreto gobernamental.
Baixo a autonomía asistimos á destrución dos nosos sectores produtivos básicos. Se nos anos 70 estableceuse a caracterización de Galiza como unha colonia cuxa función básica era proveer á metrópole de materias primas e man de obra, isto non só se acrecentou baixo a autonomía, senón que ademais produciu notábeis cambios na estrutura socio-económica do País: avantou a terciarización e turistificación do País, de tal xeito que se incrementou, até constituíren unha maioría social, o número de asalariados/as, e dentro deles/as os/as asalariados/as do sector servizos, especialmente mozos/as, sometidos/as á precariedade (non só laboral) e a unhas condicións de traballo draconianas, impostas na maior parte dos casos por un empresariado autóctono que procura ampliar as súas marxes de beneficio a costa da sobreexplotación da man de obra. A penetración do nacionalismo (entendido non só na súa vertente organizativa, senón mesmo da consciencia nacional) entre estes sectores é mínima, e o discurso político da forza nacionalista maioritaria non responde aos seus problemas. Eis hoxe unha das claves do futuro do Movemento Nacionalista, pois consideramos que estes sectores constitúen un suxeito político imprescindíbel no proceso de liberación nacional e social; son, por dicilo en termos históricos, as novas clases populares, as clases que constitúen a Nación.
O que sí trouxo a autonomía foi a creación dun novo marco de xestión, e xa que logo de poder que xerou ao seu redor (e dependente del) unha nova clase media a quen si beneficia a autonomía. Trátase dunha auténtica mesocracia funcionarial que, precisamente polas características socio-económicas de Galiza, exerce un enorme poder, pois a xestión dos fondos públicos dalle uns recursos económicos sen os que a inmensa maioría das empresas – incluídos os medios de comunicación – non poderían sobreviver, ou o terían moito máis difícil. O problema, novo, e para nós fundamental, desta situación é que, a diferenza de hai trinta anos, o peso desta nova clase(ou sector) social no nacionalismo organizado é moi relevante, especialmente entre os seus cadros dirixentes, de tal xeito que, cada vez máis, están a se agudizar as contradicións de clase no seo do nacionalismo.
Así pois, vinte e sete anos de autonomía trouxéronnos máis dependencia, peores condicións de vida para as clases traballadoras e a perda progresiva dos nosos sinais de identidade como pobo. Xa que logo nengún marco político que non contemple o pleno exercicio da nosa soberanía serve para avanzar, e pensar que un maior trasvase de competencias é un camiño cara á autodeterminación parécenos unha broma cruel. O exemplo catalán é clarificador: o estado español non está disposto a ceder soberanía, polo tanto só queda avantar cara á liberdade, cuestionando abertamente o actual marco xurídico-político e calquera parche que se lle queira pór; liberando espazos en todas as esferas, construíndo un movemento social forte, autónomo e soberanista que permita a autoorganización do pobo galego, o aumento da consciencia nacional.
Desde ISCA! Valoramos como falsa e artificial a separación entre autodeterminación e independencia, pois o exercicio por parte dunha nación da súa soberanía nacional plena require dun marco xurídico-político no que o facer. Non hai soberanía sen estado galego e a federación/confederación non é outra cousa que a unión voluntaria de entidades independentes. A defensa da “autodeterminación” como algo oposto á “independencia” ou a “autodeterminación” como algo que engloba varias opcións, entre elas – aínda que non a máis desexábel - a da “independencia” non é outra cousa, no momento actual, no noso País, que o oportunismo que agocha o desexo de trocar a complicada e dura loita de liberación nacional e social pola comodidade da xestión dun marco autonómico que perpetúa a nosa submisón á España e nos destrúe como pobo.

Leave a comment

You can use these tags : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>