isca! » en horizontal (sobre a autonomía dos movementos sociais)

en horizontal (sobre a autonomía dos movementos sociais)

Son todos os políticos iguais? Nesta percepción existe tanto unha parte de realidade como unha instrumentalización do poder para negar alternativas; existe unha sospeita máis ou menos lúcida, unha verdade aprendida que dubida das organizacións políticas porque os “políticos profesionais” homológanse –cada vez máis e tamén no noso país- nun discurso político único e exercen unha práctica semellante unha vez que se acada o control institucional; non só os lemas e as formas son intercambiábeis, mesmo ás veces copianse os programas eleitorais, como aconteceu en Canarias, e ninguén se decata ate que alguén sinala que o rei está espido; tamén a esquerda tradicional (e no noso país a dirección política do nacionalismo) parece resignarse a xestionar o existente, viver presa das campañas e da liturxia eleitoral-mediática, burocratizar as estruturas e verticalizar a dirección… mentres se afasta, paulatina ou acelederamente dos movementos sociais e da construcción de poder desde a base.
Existiu unha tendencia histórica[1] na esquerda -non accidental, senón derivada dunha estratexia concreta- que considerou as organizacións populares un elemento manipulábel, unha simples “correa de transmisión” da liña da organización política, nomeadamente do “partido”, o que historicamente provocou non poucos problemas, - tamén no noso país hai moitos exemplos en diferentes épocas, mesmo en termos ben expresivos[2] a que a dirección do movimento, fixada nos máximos organismos políticos, trasladabase automaticamente ao movimento social, sen que este participase realmente do tan necesario proceso de definición, criazón e imaxinación. Non se trata tampouco de asumirmos a memoria histórica da esquerda como unha autoflaxelación, senón como a memoria dun proxecto de transformación que ten que partir, para xa, dun cadro político diferente e en contacto coa sociedade: os meios teñen que manter unha estrita correspondencia cos fins; se queremos criar un mundo de igualdade, xustiza e solidariedade non podemos fomentar todo o contrario desde o comezo; é precisa a horizontalidade na relación entre a organización política e os movementos sociais e a autonomía dos movementos sociais a respeito do traballo político.
Do noso ponto de vista, a horizontalidade debe basearse no respeito ao traballo dos movimentos sociais no seu propio espazo, e no desenvolvimento dun programa estratéxico que supere o ciclo eleitoral e descarte o utilitarismo do movemento social; sen a criazón de bases de poder político propio desde a base, sen o autorrecoñecemento da sociedade e a construcción dun espello alternativo ao neoliberal, que represente o amplo imaxinario de esquerdas e democrático e que tamén funcione democraticamente dunha maneira distinta, non podería existir unha transformación real por moi acertada que fose a política institucional dunha forza progresista. Existen imperiosas necesidades na articulación dun suxeito socio-político, parte das cais teñen sido sistematizadas teoricamente por Isabel Rauber, en catro teses doadamente enumerábeis:
-Un novo modo de articulación dos actores: horizontal, plural e multidisciplinaria.
- Un novo modo de dirección: concertada coa participación de todos, construída e definida de abaixo para arriba, por cada un dos actores protagonistas.
- Un novo modo de representación: que lonxe de suplantar o protagonismo e a participación en tómalas de decisións, concérteos e os potencie sobre a base de modos participativos colectivos de funcionamento, decisións e xestión.
- Un novo tipo de organización política (ou un cambio radical na actitude dos partidos políticos de esquerda existentes): que articule e integre o social-reivindicativo formando unha instancia sociopolítica empezando por recoñecer nas persoas explotadas a capacidade para protagonizar a súa historia.
Non é a nosa intención desvalorizar a política -ferramenta fundamental para loitar contra o capitalismo e avanzar na construcción da comunidade nacional- senón desprofisionalizala, ubicala no seu lugar exacto na xeografía da rebelión, e construir formas organizativas que nos permitan loitar contra o poder. Que ninguén espere atopar aquí receitas nen verdades absolutas. De ISCA tan só expoñemos a necesidade dunha nova concepción da política, amparada nalgunhas ferramentas teóricas e prácticas que, no propio movemento, optaremos por usar, rexeitar ou substituír por outras novas. Volveremos sobre este tema no futuro.

[1] Tal e como explica, por citar unha obra recente, *M. Harnecker* en “Tornar possível o impossível, A esquerda no limiar do século XXI”, Campo das Letras, Porto, 2000, páx. 287-288.
[2] Por poñer tan só un exemplo histórico relativamente ben coñecido, no “Chamamento os compañeiros de UPG e a tódolos comunistas de militancia nacional-popular”, máis coñecido como “Documento dos 16 folios contra os coroneis”, feito público o 4 de abril de 1977, afirmabase que “calisquer orgaización popular ou de masas é un autómata mecánico ao servicio dos coroneis (nin xiquera da UPG) que radian de tais orgaizacións a calisquer persoa racional e crítica e abafan a sua vida orgánica e creatividade colectiva.¿Pra qué as orgaizacións de masas se xa estamos nós? en troques de dirixilas, manipúlanas como quen move os fíos dun teatriño de Barriga Verde”. Pensemos na validez que terían estas frases hoxe…

Leave a comment

You can use these tags : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>