isca! » Editorial

Editorial

O espectro do centro percorre as democracias formais europeas. Todas as forzas políticas parecen perseguilo homologándose unhas a outras. A política convírtese en publicidade nunha fase histórica na que a técnica quer dominar o discurso. O papel tradicional reservado á política nas sociedades capitalistas, de mediación de diferentes conflitos mediante a representatividade de variados suxeitos ás veces antagónicos (capital-traballo, nación dependentes…), está a esvaecerse unha vez que a capacidade de decisión das “institucións representativas” está a pasar aos “consellos de administración” e aos organismos supraestatais e outras institucións opacas e á marxe da “soberanía popular”. A política entón pasa a ser a xestión do meramente existente, convertíndose en propaganda e espectáculo. Pasa a ser, por suposto, cousa de “expertos”, “asesores”, “técnicos” e demais profisioniais desnacionalizados e desclasados que tanto fan unha campaña de “marketing” dunha colonia ou dun champú como dun partido político (todo, ao fin e ao cabo, meramente un produto mais, dinnos). A este estado de cousas non vai ser allea a nosa nación por moito que exista unha forza política como o BNG que ainda mantén características ideolóxico-organizativas que ainda a blindan de cair na saca das forzas políticas convencionais españolas (asemblearismo, frentismo, pluralidade interna, mantemento dos obxectivos estratéxicos fundacionais…).
A política non é cousa de profisionais nen está illada nunha burbulla á marxe de calquer conflitividade social. Cando, desde Isca, dicemos que non existe cisión entre o político e o social queremos dicer que nos negamos a esa concepción conservadora que prioriza a xestión frente a loita na rúa e que blinda os parlamentos e os plenos municipais aos conflitos e ás problemáticas que padecemos os que, ainda que cada vez menos, cada catro anos acudimos a votar nas urnas. Por iso defendemos a autonomía dos movementos sociais. Porque entendemos que o traballo nas institucións non é superior a nengún outro e porque sabemos que, ante a escasa marxe que lle fica á política representativa institucional, só mediante a autoorganización de suxeitos políticos diversos e libres de ataduras de calquer tipo, o cambio pode ser posíbel. Hoxe é preciso articular unha sociedade de homes e mulleres libres que amose o potencial constituinte, desde xa, desa Galiza independente e socialista que arelamos. Desde a nosa opinión esa articulación social debe fuxir de repetir erros do pasado, de sectarimos de calquer tipo e, no que se refire ás organizacións políticas, fuxir de buscar hexemonizar as loitas baixo intereses de partido ou eleitorais.
As mutacións sociais que se están a producir na nosa nación baixo o avance da ofensiva neoliberal trasnacionalizadora deben ser obxecto de análise por parte de todos aqueles suxeitos sociais que pretenden calquer tipo de transformación radical do actual estado de cousas. Non nos valen cambios estratéxicos disfrazados de supostas adecuacións tácticas que homologuen o nacionalismo galego ao resto de forzas xustificadoras do actual sistema que mantén á nosa nación na dependencia colonial. Tampouco acreditamos en ideoloxismos estéticos que seguen instalados nos inicios do século XX. Sorpréndenos, en todo caso, que sexan aqueles aos que o muro de Berlin caeu sobre as súas cabezas, os primeiros en renunciar á ideoloxía revolucionaria a favor da mercadotecnia e o espectáculo. Son curiosamente eses mesmos (os que agora prescinden de analisar a loita de clases nun país que pasou a ter perto dun 75% de asalariados entre a súa población activa) os que se negan a adecuar a estrutura frentista á nosa sociedade concreta co fin de rearticular unha alianza de clases na que os e as traballadores/as galegos/as se sintan plenamente representados/as.
Pensamos que a pregunta leninista “que facer?” é mais necesaria que nunca unha vez que contemplamos como os vinte e tantos anos de autonomía non foron quen de solucionar os graves problemas aos que a nosa nación se enfrenta. Por unha banda, aquelas características que nos constitúen como nación continúan a sofrer agresións sen que o noso povo conte coas institucións soberanas precisas para lle facer frente: unha agresión ao noso territorio en forma de “marbellización” estranxeirizante mediante a construcción baixo criterios non adaptados ás nosas particularidades xeográficas e á nosa idiosincrasia cultural; unha agresión á nosa lingua por parte do mercado (laboral, mediático…) que deixa desprotexidos/as aos/ás galegofalantes que cada vez son menos; unha agresión desterritorilizadora mediante o fomento da chamada “mobilidade” (emigración para nós) que condena a fuxir á mocidade da precariedade (maior aquí que noutras zonas do estado) e que fomenta a saida do país como xeito de medre persoal; unha agresión económica contra os nosos sectores produtivos básicos e que mantén á nosa nación na periferia da división internacional do traballo…
O importante avance institucional do nacionalismo nos anos da autonomía pensamos que é un paso mais no proceso de autodeterminación e de nacionalización das instituicións e que asi debe seguir sendo, mais lonxe das autocomplacencias inúteis os e as nacionalistas non debemos baixar a garda e perder a tensión creativa e criadora carácterísticas do noso movimento até o de agora.
Evidentemente non todo é negativo e desde Isca non queremos cair no pesimismo paralisante. Sabemos que o pobo galego case sempre vai por diante dos seus supostos representantes como demostran a nosa historia e o noso presente. Aí están os traballadores do metal da provincia de Pontevedra que seguen vencendo á precariedade mediante a organización e a loita, os e as viciños/as e os mariscadores/as de Ferrol que impediron por algúns días a entrada do gaseiro na ría, a resposta cidadá e de base contra a vaga provocada de incendios do verao, e a mobilización da “Plataforma Galiza non se vende” contra a especulación… Por outra banda asistimos á emerxencia de movimentos sociais novos como o voluntariado da lingua sostido por centros sociais e asociacións reintegracionistas de defensa da lingua e sen apoios oficiais, a consolidación e expansión dos Centros Sociais promovidos polo asociacionismo nacionalista e cultural de base… Pensamos que ainda queda moito por facer pero que a articulación de novos movementos sociais é unha das bases da construción desa outra Galiza que queremos.

As organizacións políticas termos que acostumarmos a uns suxeitos sociais que cada vez buscan menos unha representación mediadora e que só queren representarse a si propios. En calquer caso, sen xulgarmos esta posición, non pensamos nós que debamos asumir un papel que non se nos pediu, nen ter unha práctica recuperadora das loitas para os nosos fins políticos partidarios (ás veces dunha proxección ben cativa). Hoxe a fractura social provocada polas mutacións no mundo do traballo fai que sexa difícil atopar un programa que hexemonice de forma vangardista a transformación social que cada día se nos pretende amosar como mais lonxana. Suxeitos políticos clásicos pasan a estar atravesados por múltiplas contradicións e problemáticas diversas que fan que sexa difícil agrupalos como un todo homoxéneo nunca forma organizativa clásica como antes se facía. As vangardas non se promulgan xa en textos partidarios, non son unha soa e ás veces aparecen nas loitas ou na confluencia de diversas experiencias.
A mocidade non é un sector á marxe dunha sociedade concreta e os a as mozos/as de Isca queremos estar á altura das circunstancias. Non che pedimos que te organices con nós, só que te autoorganices e loites. Autoorganización cara á independencia nacional.

Leave a comment

You can use these tags : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>