isca! » Nacionalismo, esquerda e clases sociais

Nacionalismo, esquerda e clases sociais

“As burguesías autóctonas perderon toda a súa capacidade de oposición ao imperialismo –se algunha vez a tiveron- e só son seguidistas do mesmo. Non hai máis mudanzas a facer; ou revolución socialista ou caricatura de revolución”.
Ernesto “Che” Guevara, Mensaxe aos pobos do mundo através da tricontinental, 1967.

Tal e como vén analizando Isca durante a súa curta historia, o BNG está inmerso nunha deriva que se plasma tanto no campo organizativo como no ideolóxico, cunha intencionada viraxe cara á mera xestión do marco autonómico asumindo o modelo socio-económico imperante, ademais dun marcado carácter institucionalista, renunciando de maneira clara á mobilización e á participación social como método de acción política.
É e resulta importante, pois, neste momento histórico do nacionalismo galego, estabelecer claramente que é o que se entende por interclasismo e por alianza de clases, termos que habitualmente se confunden; ademais da necesidade de que o nacionalismo sexa e se defina claramente como unha forza de esquerdas.
Así, o interclasismo é un invento teórico propio da dereita enmascarada que remite ao concepto de “centro”, de propoñer un discurso único e unhas políticas que teoricamente resultarían válidas para toda a sociedade. Os partidos interclasistas o que negan é o que se coñece, na terminoloxía tradicional, como a loita de clases, a existencia dun conflito entre elas. O interclasismo está asociado á democracia cristiana, coa cal evidentemente o BNG non ten nada a ver; e nega, como é lóxico, a necesidade dunha mudanza de fondo. O interclasismo, pois, supón afirmar que non hai contradicións, nin explotadores nin explotados, que se goberna para todos: tanto para o empresario que baixa os salarios, aumenta os seus beneficios, alarga o horario laboral e explota os traballadores; como para estes últimos que son quen sufren as consecuencias.
O BNG non é, pois, unha forza interclasista. O BNG, como forza transformadora, debera representar unha alianza de clases (antes usábase o termo de “camadas populares”, que probábelmente hoxe non sexa o máis acaído debido ao cambio na estrutura de clases que sufriu o noso país), e isto quere dicir que só participan unhas determinadas clases, e, por ende, que outras quedan fóra (as que están aliadas co imperialismo, co españolismo) que son as que se enfrontan a esta alianza, que pode ser táctica, ou, coma no noso caso, estratéxica.
Así, a alianza de clases é un programa estratéxico de mínimos (a autodeterminación) para unha maioría social e, por conseguinte, non atravesa horizontalmente a todas as clases e non pretende representalas a todas, senón que ten o obxectivo da xustiza social, ou, coma no noso caso, da liberación nacional e a xustiza social. Deste modo, o BNG debera deixar claro a que clases ou grupos quere apoiar, defender ou representar preferentemente, e moitas das renuncias que desde Isca denunciamos veñen precisamente desa concepción centrista na que estamos inmersos, que confunde á sociedade, defrauda á militancia e, aínda en contraposición co seu propósito máis evidente, tampouco convence ao electorado.
Podemos poñer como exemplo desta contradición entre clases o caso catalán: cando a burguesía catalana formou parte do bloque de poder do Estado español, no momento en que esta chocou coa política económica do Estado, ou cando fracasaron os seus intentos para dirixilo, tratou de usar o movemento das clases populares na defensa dos seus intereses, sen poder nunca chegar a instrumentalizalas plenamente. O propio Niceto Alcalá Zamora díxolle a Francesc Cambó, en 1917: “Vostede non pode ser ao mesmo tempo o Bolívar de Catalunya e o Bismarck de España”.
Referíndonos xa ao propio BNG, son múltiplas as declaracións que o Portavoz Nacional fai a respecto de cómo se define, ao seu ver, a Fronte, e que redundan e abundan na confusión que antes se mencionaba. Temos, como exemplo: “El nacionalismo en Galicia no precisa adjetivación porque sólo hay uno(..) [O nacionalismo]Es una caracterización propia que no se inscribe en lo que tradicionalmente se considera izquierda. Hablar en Galicia sólo de derechas e izquierdas es empobrecer absurdamente el panorama político y estar fuera de la realidad” [1]
Sen embargo, menos dun mes despois, o 17 de xuño, atopa a adxectivación axeitada tamén no eixo esquerda-dereita: “- O BNG ten que ser fiel a si mesmo, pero explicar con máis claridade o seu proxecto porque o Bloque en termos nacionalistas e en termos esquerda dereita é unha forza tremendamente moderada”.[2]
De todas maneiras, o discurso é moi confuso. Só pouco tempo antes: “Es un caso único en Europa que una fuerza política nacionalista y de izquierdas…” [3]
Por outra banda, resulta moi preocupante que tendo o BNG unhas reducidas cotas de decisión nun marco xa tan lastrado de por si como o autonómico, non sexa quen de opoñerse claramente ás políticas neoliberais, cando non promovelas. Os exemplos son claros e contundentes: a Cidade da Cultura, a obra faraónica de Fraga, segue adiante polo ben dos seus contratistas; a pesar de opoñerse no seu día, o BNG apoiou cos seus votos a reforma da LOU, reforma feita nun proceso homoxeneizador do ensino a nível europeo que consagra o Espazo Europeo de Ensino Superior; ou a contínua externalización de servizos por medio de empresas ou consorcios públicos que tamén se levan a cabo desde as consellarías que o BNG xestiona.
Precisamente, desde Isca cremos que nunha nación colonizada como a nosa e na que foron as clases populares as oprimidas e as que sufriron a dependencia nacional, a única maneira de ser coherentemente nacionalista é sendo de esquerdas, e viceversa; do mesmo xeito que non se pode ser nacionalista defendendo a globalización, unha auténtica máquina de destruir pobos, polo que a aposta por un outro modelo socio-económico resulta indispensábel para construir un proxecto nacional na Galiza. Deste xeito, deberan ser prioridades dunha organización nacionalista e de esquerdas a creación de instrumentos de representación popular directos, fomentar a participación na vida pública das organizacións ademais do debate político e de ideas: a causa de Galiza é a causa dos seus traballadores e daqueles suxeitos políticos que padecen a situación de dependencia nacional e que, polo tanto, máis dispostos están a traballar por cambiar o estado de cousas, tales como a mocidade e as mulleres.
En conclusión, e tal e como afirmamos na nosa Asemblea Constituinte, desde Isca apostamos por retomar o proxecto histórico do nacionalismo popular, recuperando o modelo frentista entendido como a alianza dos sectores populares obxectivamente interesados na liberación nacional.

[1] El País, 23 de maio de 2007,
   Leave a comment

You can use these tags : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>